Sunday 08 de September de 2024

Neda acolle este xoves a presentación dos novos  números da revista Olga, de poesía galega en Madrid 


A Casa das palmeiras será este xoves escenario dunha  das citas culturais habituais do verán de Neda. Trátase da presentación dos novos  números de Olga, Revista de poesía galega en Madrid, que dirixe o escritor nedense  Vicente Araguas. Seguindo a tradición, no evento literario haberá tempo para o  recital poético. 

As persoas afeccionadas á poesía de Ferrolterra teñen o día 18, a partir das 19.30 horas, unha cita obrigada. O acto servirá para dar a coñecer na vila o número 13  desta revista, que leva por título “Bouzas grandes”, e atende a Fermín Bouza-Brey  e ao seu fillo, Fermín Bouza Álvarez. Adiantaranse tamén os contidos do número  14, titulado “Olgas dun gaiteiro”, dedicado á figura de Xosé de Arxeriz. 

Na presentación intervirán, ademais do propio Araguas, Fillo Predilecto do Concello  de Neda, autores como o ferrolán Xosé María Dobarro, o mugardés Carlos Neira, o  estradense Manuel Pereira Valcárcel, Antonio Polo, escritor afincado en Anca dende  hai uns anos; Pedro Rascado ou Xulio Valcarcel. A todo isto haberá que engadir a  música de Paco Montero.